OS CHICHISOS, 30 anos da primeira actuación

Tal día coma hoxe hai 30 anos, Os Chichisos daban a súa primeira actuación oficial na I Festa do Garavanzo de Pontevedra. Desde entón, é moito o que levamos festexado… e mais o que aínda nos queda por festexar!

Díptico publicado no libro “De vello, gaiteiro!”, biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos, de Rafael Quintía Pereira.

Día de Rosalía 2024

Un ano máis Os Chichisos conmemoramos o día de Rosalía.

Título da peza: “Muiñeira de Sabaxáns”.

Letra: “Adiós ríos, adiós fontes”, do libro Cantares Gallegos.

Foliada do Demo 2023

Pero que guapos que somos, e que ben tocamos! Deixamos aquí o vídeo da Foliada do Demo, na que este ano tivemos a sorte de estar acompañados pola agrupación Faíscas da Pontraga, que tamén son moi guapos e tocan moi ben 😉

Concerto Didáctico

O dia 2 de Febreiro ,dia no que se casan os paxariños, tivemos o pracer de ir a Biblioteca Cra de Vilaboa, a ensinar unha serie de instrumentos humildes coma, piñas, culleres, paos, un sacho, charrasco,… e outros xa mais elaborados como a pandeireta ou a gaita, para hacer musica tradicinal.

O rematar cantamos todos A Saia da carolina e convidamos a todolos nenos e nenas a escoller un intrumento para tocar con nós.

Cantos de Reis 2023

Outro ano mais, Os Chichisos tomamos as ruas de Pontevedra acompañados por nenos e nenas cantando os reis.

Guitarra, Acordeón, Saxo, Pandeiretas, Cunchas, Tambor, Bombo e alguns axoúxeres xunto coas voces, percorreron as prazas da Boa Vila.

Comezamos cos ensaios dos Cantos de Reis

Oc chichisos acompañados polos rapaces e rapazas que participaran este ano nos cantos de reis.

Como novidade, este ano cantaremos unha cantiga recollida a Don Joaquín, antigo párroco de Cornazo, Vilagarcia de Arousa.

"  Por entre as silveiras,
cantan alegres os paxariños
Anunciando a todos
con gran esplendor
Que naceu o neno
mais excelente, mais bonitiño
que ven a ser fillo do nose señor 

A Belen vinde pastores,
alí naceu un meniño
Que esta meu Ben tiritando,
ai! tiritando de frío

I, o Pobriño trembando esta
e naide corre pra o ir quentar,
Soio un boiciño, co seu soprar
quentaba o Neno ,sen descansar

Por entre as silveiras,
cantan alegres os paxariños
Anunciando a todos
con gran esplendor
Que naceu o neno
mais excelente, mais bonitiño
que ven a ser fillo do nose señor 

As oveliñas pacendo.
pola veira do rigueiro
Berran porque xa naceu
o Rei da Terra e do Ceo

I as aves todas, co seu chiar
festexan xuntas a Navidá,
Cos seus chiidos, sen descansar
louván ao neno que esta no Portal   "


CANTOS DE REIS 2023: APÚNTATE A CANTAR CON NÓS

Un ano máis (e xa van 21) o grupo Os Chichisos acompañados de diversos instrumentos como gaita, tamboril,pandeiretas,bombo, etc., e un grupo de nenos e nenas, xuntámonos pra levar os “Cantos de Reis”, polo concello de Pontevedra.

 OS CANTOS DE REIS

Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. En troques do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.

 Aínda que o tipo de composición múdase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa.

 En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as xaneiras, manueis ou aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos. Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir. Case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño o cal tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida.

 Estes cantos de Reis soían comezar cunhas estrofas de presentación dos “reiseiros” na que se pedía permiso ou licenza para cantar na casa dos que visitaban. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban rematar cunha estrofa de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos cos demais. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban os da casa a danzar.

 Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo.

Moitos destes cantares son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de “señoritos” entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agrada-los anfitrións.

 Os cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que recorren as casas dando a boa nova cantando. Estes grupos de Reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anís, cunchas, paus, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar facilmente nas aldeas. Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal, as rondallas. A orixe da tradición vén xa de lonxe, existindo rexistros dende 1920. Os vellos din que logo de ir á leira collían os instrumentos que había na casa e ían de pasarrúas polos barrios.

Os cantos de Reis era e é unha das tradicións máis fermosas do tempo de Nadal. Forman parte importante do noso patrimonio cultural, polo que é un tesouro que debemos manter. 

PROGRAMA:                                    

· Días de ensaio : 27, 28, 29 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na Casa do Pobo de Bértola – Vilaboa ás 20:00 h

· 4 de xaneiro: CANTOS DE REIS de 17:30h a 20:00h polas prazas e rúas de Pontevedra (Praza da Liberdade, Praza de San Xosé, Rúa da Oliva, Rúa da Peregrina/Daniel de la Sota, Praza da Peregrina, Praza da Ferrería e Praza de Curros Enríquez)

Actividade incluída dentro do Programa de Nadal do Concello de Pontevedra.

Para saber máis sobre este tema: tfno. 676842942

Situación do local de ensaio:

https://www.google.es/maps/place/Lugar+Ganderon,+17,+36140,+Pontevedra/@42.3923513,-8.6285727,19z/data=!4m5!3m4!1s0xd2f7070218cad23:0xeddda24b108f7074!8m2!3d42.3922094!4d-8.6285209?hl=es

OS CHICHISOS NA FOLIADA DO DEMO 2022

Vídeo da actuación dos Chichisos na Foliada do demo 2022. Pontevedra.

20 anos cantando os Reis en Pontevedra

Hai xa 21 anos os Chichisos comenzabamos o noso proxectos de recuperación dos cantares de Reis na vila de Pontevedra. Este nadal, tras o parón obrigado da Covid no 2020, regresamos ás rúas e prazas da Boa Vila cos noso bando de cativos reiseiros e músicos para seguir mantendo aceso o lume desta fermosa tradición. Como di o tango, vinte anos non é nada. A por outros vinte.

Reeditamos o libro “A LINGUAXE DAS CAMPAS”

A Asociación Cultural Os Chichisos, unha vez esgotada a 1ª edición do libro “A LINGUAXE DAS CAMPÁS. Etnografía dos sinos”, ante a demanda deste traballo sacamos a 2º edición.

Este  traballo supón un breve achegamento ao mundo dos sinos, á súa orixe, tipoloxías, aos seus usos e funcións. Pero, ademais, contén os resultados da recollida de campo levada a cabo polos membros dos Chichisos dende o ano 2007, momento no que naceron as xornadas “Días de campás e campaneiros”. Este evento anual, que organizamos dende os Chichisos, ten a intención de dar a coñecer a ancestral linguaxe das campás e de pór o noso gran de area na difusión e conservación deste valioso xeito de comunicación -auténtico tesouro do noso patrimonio cultural- e do oficio de campaneiro, hoxe, por desgraza, en serio perigo de desaparición.
Para máis formación ou adquirir un exemplar poden contactar con nos no email: chichisos@yahoo.es