Un ano máis (e xa van 21) o grupo Os Chichisos acompañados de diversos instrumentos como gaita, tamboril,pandeiretas,bombo, etc., e un grupo de nenos e nenas, xuntámonos pra levar os “Cantos de Reis”, polo concello de Pontevedra.

 OS CANTOS DE REIS

Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. En troques do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.

 Aínda que o tipo de composición múdase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa.

 En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as xaneiras, manueis ou aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos. Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir. Case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño o cal tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida.

 Estes cantos de Reis soían comezar cunhas estrofas de presentación dos “reiseiros” na que se pedía permiso ou licenza para cantar na casa dos que visitaban. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban rematar cunha estrofa de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos cos demais. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban os da casa a danzar.

 Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo.

Moitos destes cantares son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de “señoritos” entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agrada-los anfitrións.

 Os cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que recorren as casas dando a boa nova cantando. Estes grupos de Reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anís, cunchas, paus, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar facilmente nas aldeas. Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal, as rondallas. A orixe da tradición vén xa de lonxe, existindo rexistros dende 1920. Os vellos din que logo de ir á leira collían os instrumentos que había na casa e ían de pasarrúas polos barrios.

Os cantos de Reis era e é unha das tradicións máis fermosas do tempo de Nadal. Forman parte importante do noso patrimonio cultural, polo que é un tesouro que debemos manter. 

PROGRAMA:                                    

· Días de ensaio : 27, 28, 29 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na Casa do Pobo de Bértola – Vilaboa ás 20:00 h

· 4 de xaneiro: CANTOS DE REIS de 17:30h a 20:00h polas prazas e rúas de Pontevedra (Praza da Liberdade, Praza de San Xosé, Rúa da Oliva, Rúa da Peregrina/Daniel de la Sota, Praza da Peregrina, Praza da Ferrería e Praza de Curros Enríquez)

Actividade incluída dentro do Programa de Nadal do Concello de Pontevedra.

Para saber máis sobre este tema: tfno. 676842942

Situación do local de ensaio:

https://www.google.es/maps/place/Lugar+Ganderon,+17,+36140,+Pontevedra/@42.3923513,-8.6285727,19z/data=!4m5!3m4!1s0xd2f7070218cad23:0xeddda24b108f7074!8m2!3d42.3922094!4d-8.6285209?hl=es

Deixar un comentario